O Miño e o Barbantiño, artelladores do espazo na contorna de San Cibrao de Las

Xaneiro 19, 2015
0 Comment

Ben sexa pola súa función como arterias de comunicación, como reservas de auga ou como fontes de enerxía, materia prima e alimento; o certo é que as grandes civilizacións e as principais cidades europeas aparecen historicamente ligadas a ríos de significación considerable (Nilo, Éufrates, Támesis, Danubio…). Desta maneira, resulta tan evidente a transcendencia e o importante papel que xogan os ríos na historia dos pobos que, tratando do castro de San Cibrao de Las, sería unha falta de acerto non darlles o valor que merecen tanto ao río Miño como ao Barbantiño.

contorna san cibrao de las

Imaxe da contorna de San Cibrao de Las e da conca media do Miño.

Como xa falamos noutra ocasión, a extensa rede fluvial galega constitúe unha parte esencial do espazo xeográfico no que se desenvolve a cultura castrexa. Ademais, dada a relevancia que para calquera comunidade teñen a proximidade dos recursos, o control dos pasos naturais e o dominio das rutas de comunicación, cremos que os ríos non van ser só axentes condicionantes do asentamento e da tipoloxía dos castros; senón tamén factores de desenvolvemento das comunidades que se establecen nas súas marxes. Por este motivo e centrándonos no conxunto arqueolóxico de San Cibrao de Las, consideramos o amplo dominio visual sobre o territorio circundante como unha das súas características máis destacables.

Este control da contorna é facilmente apreciable no momento que accedemos á croa (recinto superior do poboado) pola porta Oeste; de feito, ao chegar ábrese ante nós unha panorámica inmellorable da conca media do Miño, unhas vistas que encarecidamente vos animamos a comprobar por vós mesmos. A maior visibilidade deste lado oriental confirma a sensación de que o castro vence ou se inclina cara ao Leste, como se dunha mesa mal calzada se tratase. Isto acontece porque realmente o castro bascula cara ao Barbantiño, afluente do río Miño pola súa marxe dereita, que funciona como vaso comunicante entre a cunca media do Miño e os vales interiores da banda central galega (A Ulloa, Terra de Melide, Deza…).

Oriental croa San Cibrao de las

Imaxe da área oriental da croa, apréciase certa tendencia basculante cara ao Barbantiño.

Dende o Parque Arqueolóxico alentámosvos a coñecer o Camiño Natural do Barbantiño, sendeiro que destaca pola beleza do seu bosque de ribeira, polo bucólico dos seus muíños e pola fermosura das súas pontes e fervenzas.