Zona escolar

Zona-escolar699

O programa didáctico do PACC está dirixido a alumn@s das distintas etapas educativas, ten como base os deseños curriculares vixentes e está adaptado ás necesidades e particularidades de cada grupo e nivel. O Parque ofrece aos centros escolares un programa de actividades didáctico e ameno, con el pretendemos que @s alumn@s adquiran coñecementos e desfruten da experiencia, fomentando neles actitudes de respecto e valoración do patrimonio cultural e natural. Os guías e monitores son os encargados das visitas escolares, que están estruturadas da seguinte maneira:

  • Visita á exposición estable: a través das explicacións dos monitores e coa axuda dos paneis e dos orixinais recursos que posúe o Centro de Interpretación, os rapaces e rapazas recibirán a información necesaria para viaxar pola Idade do Ferro, coñecer a sociedade castrexa e o seu territorio.
  • Visita á área arqueolóxica: o Castro de San Cibrao de Las é o elemento máis representativo do Parque e o mellor recurso para coñecer a cultura castrexa. No castro a visita articúlase en tres eixos temáticos: o espazo doméstico, o urbano e o castro e o seu territorio.

Este programa básico pode combinarse coa realización dalgún dos nosos obradoiros que, dun xeito máis participativo, complementarán a visita ao Parque Arqueolóxico. A visita á exposición e ao castro, xunto cos obradoiros, estarán deseñados e adaptados en función das necesidades e especificidades de cada grupo escolar.