O noroeste peninsular, territorio galaico e marco da cultura castrexa

Setembro 30, 2014
0 Comment

O cabo Nerion (Finisterre), o río Lethes (Limia), o Minion (Miño), o Porto dos Ártabros (as Mariñas Coruñesas)…son algúns dos elementos naturais que mencionaron os xeógrafos antigos cando escribiron sobre a terra situada ao outro lado do Douro. Este territorio, o dos galaicos, é o espazo xeográfico no que se desenvolve a cultura castrexa.

As fronteiras cara ao Norte e Oeste están delimitadas polo Océano Atlántico, cara ao Sur polo Douro; e no lado oriental, o linde ven marcado polo o río Navia e as cadeas montañosas que unen a Serra do Rañadoiro (Asturias) coa terra de Tras-os-Montes (Portugal).

Cando chegaron os romanos ao extremo noroccidental da península atopáronse cunha rexión bastante accidentada e mal comunicada. Non obstante, a pesar de consideralo un territorio agreste e pouco hospitalario, a abundancia de metais como a prata, o estaño, o ouro e o ferro, espertou o seu interese nestas terras.

As bandas montañosas, a extensa rede fluvial así como a ampla zona litoral, son os principais factores que caracterizan a paisaxe da cultura castrexa. Unha visita ao Centro de Interpretación do Parque Arqueolóxico axudaranos a comprender non só como os castrexos transformaron esta paisaxe e domesticaron o seu entorno; senón como a xeografía condicionou o asentamento e os modos de vida destas sociedades.

Así, a tipoloxía dos castros depende en gran medida da localización dos recursos, dos pasos naturais, das rutas de comunicación… tanto é así que abonda con observar o terreo para decatarse de que un castro dos montes de Lugo será moi diferente a outro situado na costa de Pontevedra.

San Cibrao de Las

Un grupo de visitantes observando a contorna da “Cidade” de Las.

Como é o territorio no que se asenta a “Cidade” de Las? O castro de San Cibrao de Las é un castro do interior, construído sobre un afloramento granítico e rodeado de importantes recursos mineiros (ouro e estaño principalmente).

Está situado nun dos puntos máis elevados da zona e dende o recinto superior –a croa- tense un amplo control da contorna, sobre todo da cunca do río Barbantiño. Cerca temos o San Trocado e o castro de Ourantes, sen esquecer que tamén se avistan outros castros como o de Santa Ádega e o de Trelle. Tampouco se nos escapan a Serra de San Mamede, as estribacións da Serra do Faro e o rebordo occidental dos Chaos de Amoeiro.

San Cibrao

Vista do castro de San Trocado dende a croa de San Cibrao de Las.

Sen dúbida, as vistas que se desfrutan dende a croa son un dos mellores recordos que se pode levar da visita ao xacemento de San Cibrao de Las, non deixe de experimentalo!