Curioseando na cultura castrexa: a caetra (II)

November 11, 2014
0 Comment

A pesar dos tempos que vivimos, a moeda, chámese euro, peseta ou real, é o medio de pagamento máis común dende que temos memoria.

Agora ben, se pensamos na cultura castrexa e no día a día dos habitantes dos castros; como farían para saldar as débedas ou para mercar os novidosos produtos que viñan do Mediterráneo? Empregarían xa algún tipo de moeda?

O que sabemos ata o momento é que, deica a chegada romana, a actividade comercial no mundo castrexo non se baseaba nun sistema monetario, senón no troco duns produtos por outros. Será cara a fin da Idade do Ferro, cando se comece a ter constancia, en diferentes castros do noroeste peninsular, da circulación de moeda.

Esta circulación vai asociada, nun primeiro momento, aos destacamentos militares, ás extraccións mineiras e á propia administración. Será no s. II d. C. cando a moeda se estableza definitivamente como o medio de cambio nas transaccións comerciais, impoñéndose ao sistema de troco e estendéndose por todo o territorio dos castrexos.

De onde proveñen estas moedas, faríanse aquí? As cecas de procedencia destas moedas adoitaban estar en lugares afastados do noroeste (por exemplo na zona do Val do Ebro e Mérida); non obstante, existe unha excepción: a coñecida como moeda da caetra.

Hai apenas un par de semanas falabamos neste blog da caetra. Como diciamos, este escudo típico dos pobos da Iberia, aparece representado nunhas moedas acuñadas no noroeste peninsular en época de Augusto. Precisamente por levar no seu reverso unha representación deste escudo, denomínanse moedas da caetra.

caetra

Dupondios de San Cibrao de Las. Fotografía del Museo Arqueológico Provincial de Ourense.

PDF

No castro de San Cibrao de Las, apareceu unha destas moedas no interior dunha construción. Trátase dun dupondio (moeda romana co valor de 2 ases ou ½ sestercio) en bronce. No anverso represéntase a cabeza de Augusto mirando a esquerda, entre un caduceo (atributo do deus Mercurio) e unha palma; e no reverso, o escudo ou caetra, cruzado por dous soliferrea (lanza feita en ferro de orixe hispana) e a ambos lados unha falcata (espada característica dos iberos) e un puñal. En función dos títulos de Augusto que aparecen na moeda (Imperator, Augustus e Divi), dataríase entre o ano 27 e o 23 a.C.

Resulta curioso que escolleran para o reverso dunha moeda romana a caetra, verdade? Pénsase que estamos ante un símbolo da conquista do norte peninsular e do acatamento a Roma baixo Augusto, xa que representa o armamento dos pobos que foron dominados. Nada se deixa ao azar e menos se se trata de representar o poder de Augusto máis aló de Roma.

Descoñecemos a localización exacta da ceca onde foron acuñadas estas moedas, pero as últimas evidencias apuntan a que se atoparía en Lugo; aínda que tamén puidera haber talleres itinerantes ou de campaña.

Fora cal fora a súa orixe, o certo é que as moedas da caetra conforman a primeira das escasas acuñacións que se realizarán neste territorio e no castro de San Cibrao de Las atopouse testemuña da súa existencia.