San Cibrao de Las, un castro excepcional a tan só 20 minutos de Ourense.

Xullo 30, 2014
0 Comment

San Cibrao de Las, tamén coñecido como A Cidade, é un dos castros senlleiros da cultura castrexa; unha cultura que lle confire ao noroeste peninsular personalidade propia dende fai máis de 2500 anos.

A cultura dos castros define a unhas comunidades desenvolvidas que durante a Idade do Ferro comparten non só a feitura das murallas e vivendas senón tamén a organización da sociedade, a economía, a arte… Son poboados fortificados que debuxan a paisaxe do territorio no que se asentan (Galicia, norte de Portugal e parte occidental de Asturias, León e Zamora).

Seica en Galicia temos tantos castros como parroquias pero… se isto é así, que é o que fai a San Cibrao de Las especial?

A singularidade de San Cibrao vén dada pola súa similitude coas citanias do norte de Portugal. A súa extensión, a monumentalidade das súas fortificacións, a organización urbana, o espectacular das súas vistas… fan da Cidade de Las e do Parque Arqueolóxico o punto de encontro idóneo para desfrutar dun castro excepcional e das actividades que ofrece un Parque sempre aberto a todo aquel que queira participar.

San Cibrao

A monumentalidade de San Cibrao. Imaxe da entrada ao castro pola porta O.

Este castro chama a atención e impresiona a calquera que o ven visitar, a pesar disto, aínda fica como un gran descoñecido para a maioría. Cal é o motivo deste certo descoñecemento?

Ao contrario do que poida parecer, San Cibrao de Las está ben situado, na confluencia de dúas autoestradas: as da prehistoria, que non son outras que os ríos Miño e Barbantiño, e as autovías cara Santiago, Vigo e Ourense. Ambas facilitaron e facilitan as comunicacións e melloran a accesibilidade ao castro. Quizais a sona doutros castros ben coñecidos e seguro que visitados pola maioría de nós, como Santa Tegra ou Baroña, fixo de San Cibrán un castro discreto e reservado, pero non por iso apoucado.

Pois ben, xa que temos uns dos maiores tesouros da cultura castrexa a só 20 minutos de Ourense merecerá a pena visitalo, non si?