RETÓMASE A INVESTIGACIÓN ARQUEOLOXICA EN SAN CIBRAO DE LAS!

Setembro 29, 2016
0 Comment

RETÓMASE A INVESTIGACIÓN ARQUEOLOXICA EN SAN CIBRAO DE LAS!

Case cen anos despois das primeiras escavacións sistemáticas no xacemento de San Cibrao de Las, o castro segue hoxe a ser un punto de referencia obrigado nos estudos sobre a Idade do Ferro e o período galaico-romano do Noroeste da Península Ibérica.

A historia das investigacións no castro de San Cibrao de Las comeza nos anos vinte do século pasado cunha visita ao xacemento de Florentino López Cuevillas e Vicente Martínez-Risco, da que resultou as primeiras campañas de escavación entre os anos 1922 e 1925. Os traballos sacaron á luz numerosas construcións e materiais, e continuaron nunha segunda fase, de 1948 ata 1950, dirixidas por Xaquín Lorenzo “Xocas”. Tras anos de abandono e espolio, nos anos oitenta e noventa equipos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, recuperan estruturas xa escavadas e sentan as bases dunha investigación programada con atención aos problemas de estratigrafía ou cronoloxía, destacando nestes intres a implicación nos traballos do castro dos veciños dos concellos de San Amaro e Punxín a partir de diferentes proxectos.

exc1

A derradeira fase de actuacións no castro se corresponden coa levada a cabo entre os anos 2000 e 2011. Promovidas pola Xunta de Galicia supoñen a posta en marcha dun proceso de acondicionamento do xacemento para a súa posta en valor, consolidación e divulgación. Deste feito, en marzo do ano 2014, coa iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, abre as súas portas o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un espazo cultural que ofrece as claves que nos permiten descubrir a cultura castrexa en Galicia a través dos seus asentamentos e os modos de vida dos seus habitantes, ademais de albergar todos os servizos necesarios para a investigación e conservación do xacemento de San Cibrao de Las e, en especial, para a difusión do mesmo a toda á cidadanía.

Estas campañas, os investigadores que as levaron a cabo, as persoas que dun modo ou outro nelas participaron, todos os que dunha maneira ou outra quedaron namorados deste gran poboado fortificado, axudaron a descubrir, conservar e a definir o que hoxe e San Cibrao de Las tal como o coñecemos. Pero aínda queda moito traballo por diante, moito que escavar, moitas preguntas que responder…demasiadas incógnitas abertas. A actuación que comezou estes días dá continuidade e sentido ao esforzo de todas aquelas persoas que contribuíron a sacar á luz este emblemático asentamento.

Promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e coofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a intervención levarana a cabo o equipo de Terra Arqueos co fin de obter unha imaxe máis axustada do que foi esta zona de vivendas que ocupa a ladeira occidental do castro, e a súa ligazón co resto de espazos que se artellan ao redor; as rúas, as circunvalacións, os accesos… Desta maneira acadárase unha visión máis global do espazo interno do castro e a súa organización, ademais de precisar cronoloxías, a súa morfoloxía e a evolución deste sector.

exc2

O seguinte blog arranca hoxe non só coa idea de contarvos o máis sobresaínte desta campaña arqueolóxica. Pretendemos que sexades participes desta viaxe ata o rico patrimonio cultural que se atopa soterrado nas entrañas deste recuncho da nosa terra. Achegarvos un pouco máis preto á historia do poboado e ás historias e modos de vida dos seus habitantes. Afondar cos golpes das piquetas na investigación e coñecemento dun castro único, a “Cibdade de San Cibrán de Lás”, como gustaba de chamala o pioneiro, don Florentino, xa fai case cen anos!.

Terra Arqueos.

excavacion