Curioseando na cultura castrexa: a caetra (I)

Outubro 16, 2014
0 Comment

Espertar a curiosidade, o afán de saber, de aprender e de coñecer cousas novas é un obxectivo que nos propoñemos día a día no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.

A caetra é un deses elementos que chama a atención dos visitantes; nada máis escoitar o seu nome, de seguido comezan a xurdir as preguntas e a gana de saber máis. Que é entón a caetra e por que xera tanto interese?

Con este nome coñécese ao escudo típico dos pobos da Iberia nesta época; é un escudo circular, de superficie plana e supónselle un diámetro de entre uns 50 e 70 cm -unha medida similar á distancia existente entre os ombreiros do que o porta-. Crese que a maioría deles estarían feitos de madeira e revestidos con pel ou coiro para protexelos un pouco dos golpes. Mesmo poderían levar algún tipo de protección metálica, cunha finalidade fundamentalmente decorativa e de prestixio do portador.

Temos unha idea aproximada de como sería a caetra do noroeste peninsular grazas ás fontes literarias (Estrabón, Diodoro, Tito Livio…) e ao estudo dos escudos que amosan as estatuas dos “guerreiros galaicos”, de certa abundancia no Sur da Gallaecia (provincia de Ourense e Norte de Portugal), e ás moedas da caetra, acuñadas por Augusto e que se chaman así precisamente por levar no seu reverso unha representación deste escudo, entre outros elementos do armamento indíxena.

guerrero castrexo

Representación de guerreiro castrexo. Imaxe que se atopa no Centro de Interpretación do PACC.

Nestas representacións apréciase como a caetra ten unha forma cóncava na parte central que lles permitiría colocar unha empuñadura sinxela. Levaba tamén unha correa, polo que se podía colgar durante a marcha ou amarralo no combate. É un tipo de escudo que, polo seu tamaño e forma redonda, permite unha boa mobilidade tanto a pé como a cabalo, protexe ben o torso e resulta doado desprenderse del – ao contrario do que ocorre cos escudos de abrazadeira como son o romano e o hoplita-.

É curioso que o deseño da caetra que se emprega nas moedas é tamén o que máis abunda na decoración dos escudos que amosan as estatuas “dos guerreiros galaicos”. Podemos falar pois dunha certa uniformidade decorativa aínda que supoñemos que tamén habería variedade nos acabados destes escudos.

Por que se escolle a caetra para o reverso desta moeda? Que están a representar os “guerreiros castrexos” portadores deste escudo? Afondaremos nestas cuestións en vindeiros artigos pero agora que sementamos a dúbida… non vos comeza a picar a curiosidade?