AS PRIMEIRAS ESTRUTURAS!

Outubro 3, 2016
0 Comment

AS PRIMEIRAS ESTRUTURAS!

excavacion

A intervención comeza a dar os seus primeiros froitos. Unha vez retirada a cuberta vexetal comezan a apreciarse entre o derrubo toda unha serie de estruturas en plantana zona escavada. Cantas ai? Foi a pregunta máis repetida entre o equipo durante bastante tempo, pois mentres que alguén trataba de contalas ou adiviñalas, o traballo doutro xa falaba do descubrimento dun novo muro.As paletas retrataban ante nós un singular quebracabezas de vellas fiadas de pedras con distintas orientacións e dimensións. Son unha ou dous vivendas?

O que si sabemos é que as pasadas campañas de escavación no castro de San Cibrao de Las permitiron definir un modelo de ocupación do espazo interior do poboado que acostuma denominarse “casas patio”. Trátase de varias dependencias entorno a un patio que soen identificarse con cociñas, almacéns e outras construcións que se utilizarían como zonas de traballo ou de aprovisionamento. É dicir, que cada familia contaría con varias estancias: unha zona para cociñar, un espazo de almacén principal e unha serie de estruturas, nalgúns casos construídas con menos coidado, asociadas a labores agropecuarias.

Este modelo iríase diversificando, xa que nalgúns puntos do castro descubríronse remodelacións das unidades habitacionais que indican que, co paso do tempo, as vivendas sufriron reformas para adaptarse ás novas necesidades.

Toca por tanto continuar, afondar e ir descubrindo, identificando, debuxando, topografiando e fotografando as estruturas que aparecen para completar o quebracabezas. Definir as construcións, a súa funcionalidade e a súa evolución. Valorar e describir a súa morfoloxía e a súa ligazón cos accesos e coas vivendas veciñas, xa escavadas e consolidadas en pretéritas intervencións, e que todos os días temos a sorte de contemplar mentres seguimos desenterrando a historia.

Terra Arqueos.

Facebook
Instagram
Youtube

dscn0456

img_2405

img_2419