Exposición

O Centro de Interpretación, a través dunha innovadora exposición, ofrece todas as claves para coñecer os aspectos máis salientables e enigmáticos desta cultura: a súa relación co territorio, a organización social no eido local e xeral, os contactos con outras culturas, o seu mundo simbólico e formas de expresión, etc.

01.CORAZÓN DE REDE
Un espectacular audiovisual que nos presenta a cultura castrexa dende dous puntos de vista: dunha forma global, como fenómeno característico do NO peninsular durante a Idade de Ferro; e dun xeito específico a través do impoñente castro de San Cibrao de Las, un dos xacementos arqueolóxicos máis relevantes de Galicia para esta etapa.

02. MEMORIA E HISTORIA
No percorrido pola exposición acompáñannos os pensamentos dos primeiros estudosos desta cultura, achegándonos así o sentir e a alma daquelas sociedades que habitaron neste territorio durante séculos. Un territorio marcado polos poboados fortificados que, como a vella Lansbrica, abren aquí as súas monumentais portas para que coñezamos como era o día a día das xentes que vivían no seu interior.

03. CULTURA CASTREXA
Este sector permítenos descubrir os principais trazos da Idade do Ferro e contextualizar a cultura castrexa propia do noroeste peninsular dentro do ámbito europeo. A Idade do Ferro desenvolveuse ao longo de máis de 1.000 anos na marxe atlántica europea e nela viviuse unha evolución e transformación das sociedades, dando orixe ao fenómeno que coñecemos como cultura castrexa.

04. PAISAXE
Cómpre ser conscientes da profunda transformación que sufriu a paisaxe galega durante a Idade do Ferro como consecuencia da acción que estas sociedades exerceron sobre ela, humanizándoa e deixando pegadas que mesmo hoxe en día podemos detectar.

05. MURALLAS
Un impresionante sistema defensivo que ao mesmo tempo pon de manifesto o prestixio e poder destas sociedades sobre o territorio, converténdose así en símbolo da comunidade que albergou.

06. O CASTRO
O abandono da vida nómade maniféstase a través dos castros, asentamentos perfectamente planificados e organizados por familias en torno ao espazo doméstico: a casa. Nesta parte da exposición móstrasenos como era a vida cotiá dentro destes recintos fortificados e como estes se organizaban e especializaban en función dos recursos do territorio no que se asentan.

07. ESCENARIOS
A apropiación do territorio implicou un aproveitamento do mesmo en función das necesidades da vida diaria: pedra e madeira para construír e para fabricar útiles, terras para o cultivo e o gando, animais para alimentarse e vestirse, minerais e metais para as ferramentas pero tamén para crear fermosas xoias… Neste sector descubriremos a importancia do espazo físico para o desenvolvemento da cultura castrexa.

08. UNIVERSO SIMBÓLICO
Nesta sala da exposición atopamos respostas aos misterios do universo simbólico castrexo: coñecemos os deuses aos que rendían culto, a figura emblemática do guerreiro, o valor ritual das “pedras formosas” e da natureza como santuario…

09. O IMPACTO DE ROMA
A chegada dos romanos trouxo consigo un cambio en canto ás novas formas de explotar os recursos, á organización administrativa e xurídica do territorio, á implantación de redes de comercio estables dentro e fóra dos seus territorios e, principalmente, ao coñecemento da escritura. O contacto entrambas culturas vai marcar para sempre o devir desta sociedade.

10 SAN CIBRAO DE LAS
Para coñecer o castro de Las resulta esencial acudir aos investigadores e arqueólogos que teñen participado tanto no estudo como nas sucesivas escavacións do castro; pois é grazas ao seu traballo e dedicación que puidemos descubrir e pouco a pouco saber máis sobre este xacemento tan representativo da cultura castrexa.

11 CIBER-CASTRO
E se a visita á exposición aumentou a nosa curiosidade pola cultura castrexa, nesta sala poderemos consultar a realidade doutros castros do noso territorio e as súas particularidades. Ademais tamén temos a opción de divertirnos co xogo interactivo que nos converte en defensores dunha comunidade castrexa que debe protexerse ante a chegada dos romanos.

Plano exposición