Xornada de Arqueoloxía Experimental no PACC

Setembro 22, 2015
0 Comment

Xornada de Arqueoloxía Experimental no PACC

O sábado 26 de setembro, dende as 10.00h ata as 20.30 h, terá lugar nas instalacións do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa unha interesante Xornada de Arqueoloxía Experimental dedicada á cocción cerámica.

Da man da Fundación Terra Termarum, os participantes nesta xornada coñecerán “en vivo” todos os pasos e técnicas empregadas polos homes e mulleres da Idade do Ferro en Galicia para a elaboración da cerámica.

Comezaremos a mañá preparando as lapas para esta cocedura experimental en forno aberto; un xeito de cocer distinto, o castrexo, que de seguro espertará o interese e a curiosidade de todos os que vos acheguedes ao Parque ao longo do día.

Esta actividade de arqueoloxía experimental, permitiranos acercar ao público xeral algúns fragmentos da vida cotiá nos castros e, polo tanto, da xente que habitou estas terras moito antes ca nós. Con certeza despois desta experiencia, cando volvamos pasear entre os muros do castro ou observar as pezas que alberga o centro de interpretación, mirarémolos con outros ollos.

Trátase dunha actividade para todos os públicos e gratuíta coa entrada ao Parque.

Máis información en info@pacc.es ou no 988 267285.