Unha noite nas estrelas no castro de San Cibrao

Agosto 11, 2014
0 Comment

Coincidindo coa actividade de observación astronómica Unha noite nas estrelas que estamos preparando no Parque Arqueolóxico para o día 9 de Agosto, gustaríanos compartir con vós unhas reflexións sobre a importancia que os astros e o seu estudo deberon ter para os poboadores do norte peninsular.

Noite no Castro de San Cibrao

Unha noite nas estrelas, actividade organizada polo PACC para o sábado 9 de agosto.

Sabemos que dende sempre o ser humano intentou atopar unha resposta aos feitos que, de xeito regular, acontecían no ceo. O día e a noite, as fases da lúa, a sucesión das estacións… son fenómenos hoxe estudados e analizados pero, ata fai relativamente pouco tempo, estaban rodeados dun halo de maxia e certa superstición.

Comprendían os homes e mulleres da cultura castrexa estes fenómenos? É unha pregunta á que non é fácil dar resposta; o que si podemos afirmar é a importancia que para estas sociedades antigas tiña a medición do tempo baseada na observación dos astros e os seus movementos. O propio Estrabón, no libro IV da súa Xeografía, dinos que os celtiberos e os seus veciños ao norte adoraban a unha divindade á que, nas noites de lúa chea, as familias rendían culto danzando ata o amencer diante das portas das súas casas. Por outra banda, por todos é sabido que o seguimento dos diferentes fenómenos astrais ten transcendencia na planificación dos ciclos económicos, como por exemplo no calendario da semente e colleita dos cereais.

Acabamos de ver como para estes pobos a observación dos astros, o coñecemento da natureza e as actividades rituais están intimamente relacionados. Por esta razón, pensamos que os seus coñecementos de astronomía debían ser amplos; xa que o feito de poder prever a chegada de determinados días, como os solsticios ou os equinoccios, implica que levaban un cómputo preciso do tempo e, por que non, a existencia de calendarios como xa deberon ter os seus antepasados da Idade do Bronce.

Unha noite nas estrelas é unha oportunidade magnífica para ver o castro de San Cibrao dun xeito diferente. O castro convértese por un día en observatorio astronómico non só para desfrutar da noite das bágoas de San Lourenzo, senón tamén para achegarnos a unha ciencia case tan antiga como o propio ser humano: a astronomía.