Un día de verán no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa

Xullo 31, 2014
0 Comment

É dos que pensan que os días de sol e calor existen só para ser aproveitados na praia? Pois nada máis lonxe da realidade, a visita ao castro de San Cibrao de Las non é só unha alternativa ao tempo cambiante do verán galego, senón que constitúe unha opción en si mesma.

No centro somos conscientes de que os visitantes que se achegan ao castro veñen en busca de experiencias que complementen e satisfagan o seu tempo de lecer. Así, dende familias ata parellas, pasando por grupos de amigos, excursionistas e o visitante que prefire gozar en soidade do castro, todos teñen aquí o seu espazo e a nosa dedicación.

Como vivían os castrexos? Que comían? Como vestían? Cantos vivirían no castro? A que dedicaban o seu tempo? Que pasou cando chegaron os romanos? Estas preguntas e moitas outras atopan resposta no Parque Arqueolóxico. O noso obxectivo primordial, polo tanto, é a difusión do patrimonio histórico, arqueolóxico e natural; proporcionando ao público as claves para comprender a cultura castrexa dun xeito ameno e didáctico, pero sen perder nunca o rigor científico.

Que facer entón nun día de verán no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa? Ao visitante que chega ao castro de San Cibrao de Las acollémolo e informámoslle no punto de recepción de todas as actividades que pode realizar durante unha xornada habitual: visitas guiadas á area arqueolóxica, visita á exposición estable sobre a cultura castrexa e á sala de exposicións temporais. Ofrecemos tamén a posibilidade de organizar unha xornada completa no Parque Arqueolóxico xa que, chamando previamente, é posible combinar estas visitas con obradoiros de diferentes temáticas (evolución do lume e da práctica da caza, simboloxía castrexa, epigrafía da contorna, un contacontos para os máis cativos, etc.). Estas actividades fan que a visita ao castro sexa unha vivencia aínda máis enriquecedora e dinámica.

Parque arqueológico de la Cultura Castrexa

Actividades no PACC. Un grupo de familias participando dunha visita guiada polo castro de San Cibrao de Las.

Ademais, o contacto coa natureza, compartir cos amigos e coa familia, sentir a tranquilidade e a ausencia de apresuramento, a posibilidade de desfrutar dun relaxante café ou dun refresco na terraza mentres contemplamos o castro… esas pequenas cousas que, xunto co anterior, fan que un día no castro pague a pena e se converta nunha experiencia significativa que recordar cun sorriso.