Terra de mouros, terra de tesouros. O imaxinario popular na cultura castrexa

Outubro 23, 2014
0 Comment

Os mouros e mouras están presentes na nosa toponimia; de feito, seguro que moitos de nós escoitamos falar algunha vez da Pedra da Moura ou do Forno dos Mouros. Preto das nosas aldeas atopamos penedos, outeiros e fontes, ou incluso castros e mámoas que parecen ser propiedade destes seres míticos.

Quen son e por que se lles fai donos dos castros e dos túmulos? Os mouros e as mouras forman parte do imaxinario popular e da tradición oral galega e tamén portuguesa. Constitúen un patrimonio inmaterial de incalculable valor para a cultura castrexa xa que, grazas a eles, non só se mantivo latente a curiosidade polo mundo dos castros senón que axudaron a dar explicación a unhas estruturas das que non se coñecían nin os autores nin o por que da súa existencia.

Ao contrario do que poida parecer, os mouros e as mouras teñen unha esencia e unha natureza diferente; é dicir, son seres distintos así que non debemos confundilos. É certo que ambos teñen algo en común e é que son seres máxicos que habitan os mesmos territorios: os castros e os túmulos. Non obstante, mentres os mouros son mencionados como os nosos devanceiros, os construtores e antigos habitantes do territorio galaico que conforman unha raza mítica e ancestral; as mouras adoitan pertencer ao mundo dos espíritos da natureza, son mulleres fermosas e a miúdo enfeitizadas.

Grazas á tradición oral conservamos un grande número de lendas sobre os castros e os seus moradores. Do castro de San Cibrao de Las conservamos varias; unha delas é a da moura que o habita, que sae ao encontro dos mozos en forma de serpe e levando unha flor na boca. Para desencantala é preciso quitarlle cos beizos esa flor, o que o consiga poderá pedirlle á moura aquilo que desexe. Poucos foron os valentes que tiveron o valor de intentalo…pero, quen sabe as sorpresas que nos pode deparar un día no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, non?

Outras lendas fálannos das galerías que construíron os mouros e que comunicaban San Cibrao con outros castros próximos ou incluso co río. A idea é que debaixo dos castros existe un labirinto de túneles e minas escavadas nos que se garda unha gran cantidade de tesouros e riquezas. Disque unha destas galerías do castro tiña unha trabe de ouro, pero tamén outra de alcatrán; así, se alguén quería atopar os tesouros agochados baixo terra tiña que ter moito coidado de non bater na trabe de alcatrán, xa que podería prender lume ao monte ou incluso quedar atrapado.

No seguinte enlace verán un fragmento do documental “O´Neixón: Historia viva dun castro”; poderán escoitar a veciños da zona contarnos sobre as lendas que existen en torno ao castro de Neixón, historias que se repiten na maioría dos castros de Galicia.

O Neixón e as lendas de mouros

Os contos e lendas só quedan na memoria dos que algún día foron nenos e desfrutaron destas fantasías, non deixemos que se perdan.