Programación Veran 2015

Xuño 26, 2015
0 Comment

No Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa temos as pilas cargadas ao máximo despois da intensa e gratificante campaña escolar que acaba de rematar. A positividade e enerxía que nos transmiten os coles axúdanos, sen dúbida, a iniciar a tempada de verán con forza e, o máis importante, a desenvolver un programa de actividades completo, atractivo e dinámico pensado para ti, para que desfrutes da túa visita ao PACC.

Ao longo dos meses de verán, tanto se queres vir só como en familia, ou cun grupo de amigos, no Parque Arqueolóxico atoparás unha ampla variedade de propostas que farán dun día no PACC unha experiencia a recordar. Poderás apuntarte a calquera das actividades que che contamos a continuación, están dirixidas a todo tipo de público e sempre adaptadas a ti e ás necesidades do teu grupo.

A última fin de semana de cada mes as visitas guiadas serán gratuítas coa entrada ao Parque, ademais terán un compoñente temático xa que cada mes afondaremos nun aspecto diferente da cultura castrexa.

Unha vez no PACC, terás a posibilidade de coñecer a exposición temporal Castros lucenses: investigación e posta en valor e, a partir do 16 de xullo, dará comezo unha nova mostra en colaboración coa Fundación Terra Termarum: A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación, grazas á que coñecerás as pezas máis representativas atopadas nos castros galegos. Ambas as dúas levan asociado un taller gratuíto para familias, no que os participantes poderán experimentar a vida na Idade de Ferro.

Como actividades especiais para este verán 2015 repetimos a Noite das bágoas de San Lourenzo, onde poderás desfrutar da arqueoloxía e da astronomía nun ambiente máxico: o castro de San Cibrao de Las. Por outra banda, nos meses de verán tamén terás a opción de participar de maneira gratuíta (actividade incluída no prezo da entrada) nunha divertida visita teatralizada con Teatro do Miolo, adecuada para o público xeral e que fai as delicias de toda a familia.

Por se isto non fora suficiente, tamén existe a posibilidade de que visites o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa tomando parte no tren turístico que realiza a Ruta do Viño Ribeiro-Rías Baixas , con parada no PACC os días 11 e 26 de xullo, 8 e 23 de agosto e o 19 de setembro-; ou ben decidíndote a probar as augas termais dos balnearios Caldaria co seu programa castrexo, que inclúe a visita ás nosas instalacións.

Irémosvos informando de cada detalle, permanecede atentos!

Máis información no 988 267 285 ou en info@pacc.es.