Os tellados sen tella de San Cibrao de Las… e se chove, que chova!

Febreiro 6, 2015
0 Comment

Nas visitas guiadas ao castro de San Cibrao de Las, fostes varios os que nos fixestes as seguintes preguntas: “como serían os teitos das casas? e se os facían de palla ou xesta non lles chovería dentro?”. Pois ben, parécenos que dado o tempo que fai estes días, con tanta choiva e frío, non estaría mal facer algunha pescuda sobre este tema, non?

Cando pensamos nas vivendas e nas cubertas castrexas a primeira idea que a moitos nos vén á mente é a das pallozas; e que mellor exemplo delas que as do poboado do Piornedo, na Serra dos Ancares. Estas cabanas ou pallozas están feitas en pedra do país (granito e lousa) e cubertas con palla de centeo, breixo ou piorno (colmo). Gran parte das que hoxe se conservan non superan os douscentos anos, pero a súa forma e estrutura parecen viaxar no tempo e permítennos establecer certos paralelismos e semellanzas coas vivendas castrexas.

Como se aprecia na imaxe, vemos que o teito das pallozas é bastante empinado, o que permite que a neve e a auga non se acumulen e poidan derrubalo. Do mesmo modo que acontecía nas cabanas castrexas, dentro había lareiras para facer lume e cociñar, a ventilación non era moita xa que escaseaban as ventás e chemineas non había… non obstante, lonxe do que poida parecer, o fume non era un problema pois traspasaba a palla e contribuía a conservar mellor a cuberta.

Tendo en conta o anterior, imos ver logo como serían os teitos e as cubertas no castro de San Cibrao de Las. Ao pasear entre as vivendas do castro, distinguimos facilmente a existencia de dous tipos de dependencias: as de forma redonda e as cadradas ou rectangulares; o que nos leva a falar da existencia de diferentes tipos de cubertas e vertentes. Así, as habitacións circulares terían un tipo de cuberta cónica (ao xeito das pallozas dos Ancares) e as cadradas ou rectangulares teríana a unha, dúas ou catro augas.

Como xa dixemos noutras ocasións, estamos nun poboado que se constrúe sobre unha ladeira que foi aterrazada e, con toda certeza, este aterrazamento tivo que dificultar a evacuación da auga da choiva. Por este motivo, e como non hai mal que por ben non veña, van ser as diferentes solucións que deron ao problema (desaugues, canalizacións, pequenos diques…) as que hoxe nos axudan a saber como eran as cubertas, como se orientaron as vertentes dos tellados e a ter unha idea máis aproximada de como era o castro.

Titulamos este artigo como Os tellados sen tella de San Cibrao de Las posto que, para ser un castro que perdurou durante case tres séculos trala chegada romana, cremos que as cubertas se fixeron sempre con elemento vexetal (colmo, xesta…) pois apenas se teñen atopado restos de tegula (tella) nas escavacións realizadas ata o momento. Quizais neste caso a tradición pesou máis que as innovacións…