O solsticio de inverno e a chegada do Aninovo a San Cibrao de Las
Agora que xa entrou o 2015 é o momento de comezar a cumprir todos os bos propósitos que nos marcamos para o novo ano. Nestas datas as boas intencións abundan e as expectativas acostuman ser altas; tentamos desprendernos dos lastres e adoitamos poñer a proba a nosa vontade superándonos con novas metas e proxectos.
O Aninovo como punto de partida, como idea de renovación e de cambio é algo que se atopa presente nas tradicións de pobos moi diferentes e distantes entre si, independentemente do seu calendario e da época do ano na que celebren este acontecemento. Así por exemplo, os xaponeses reciben o ano realizando unha profunda limpeza da casa, no sur de Italia acostuman tirar cos trastes vellos pola ventá, namentres nalgúns países de América do Sur queiman bonecos feitos con trapos a noite de fin de ano. Todas estas prácticas comparten a vontade por deixar atrás o vello e o negativo, simbolizando o desexo de esperanza e prosperidade para a nova etapa que comeza.
E os castrexos? Festexarían o Aninovo? Lamentablemente non chegou ata nós ningún tipo de información que nolo aclare; porén, sabemos da importancia que para estas comunidades tiña a medición do tempo baseada na observación dos astros e os seus movementos -posto que disto dependían os ciclos económicos-. Nestas datas e coincidindo co solsticio de inverno, os castrexos puideron ter algún tipo de celebración para conmemorar un dos momentos de maior interese do ano; xa que este solsticio supón un cambio de ciclo, a fin da escuridade e infertilidade do inverno, e anuncia a chegada da luz, do calor e das colleitas (volvemos á idea de renovación, de comezo dun novo ciclo…).
Coñecemos outros pobos coetáneos aos galaicos, como foron os galos e os romanos, nos que os comezos de ano tamén parecen estar relacionados cos ciclos de luz e escuridade. Mostras disto son o calendario lunisolar galo de Coligny (onde o primeiro mes –Samonios– semella sinalar o comezo da metade escura do ano) e a celebración romana do Sol Invictus –nacemento do Sol- coincidindo co solsticio de inverno.
Nas proximidades do castro de San Cibrao de Las, concretamente sobre o San Trocado, parece producirse un aliñamento coincidindo coa posta de Sol no solsticio de inverno, o que reafirmaría a importancia destas datas para os poboadores da zona. Non sabemos se este solsticio marcaría o seu Aninovo pero de seguro que tamén era día de festa…
Vista do San Trocado dende a muralla exterior de San Cibrao de Las.
Buscar no sitio web
Próximos eventos
- Bo Nadal e Feliz Aninovo20 Dec 2021Cos nosos mellores desexos… Bo Nadal e Feliz Aninovo...
- Actividades Pacc Lansbrica03 Dec 2021...
- Camina pola igualdade03 Dec 2021...