O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa deséxavos Bo Nadal e Próspero Aninovo

Decembro 23, 2014
0 Comment

O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa abriu as súas portas ao público o pasado 8 de marzo e, dende aquela, moitos fostes os que nos visitastes. Por este motivo, e aínda que habitualmente aproveitamos o blog para contarvos cousas sobre a cultura castrexa, desta vez queremos empregalo para facer balance dos meses que compartimos convosco. O 2014 está a piques de rematar e chegou o momento de repasar como decorreron estes 10 meses no Parque.

Primeiramente queremos darvos as grazas a todos os que, dalgunha maneira, decidistes compartir parte do voso tempo connosco; tanto aos que preferistes visitar o centro e o castro pola vosa conta, como a aqueles que vos animastes a facer algunha visita guiada ou obradoiro (asociacións, colexios, familias, grupos de amigos…). O noso agradecemento tamén a todos os que nos facedes saber as vosas inquedanzas sobre o mundo castrexo porque mantedes activo o noso desexo por coñecer máis e, moi especialmente, aos que tomastes parte nas actividades que realizamos ao longo do ano, polo voso bo ánimo e actitude sempre aberta.

Por outra banda e posto que cremos que é importante ter vontade por mellorar, queremos que saibades que en todo momento tomamos nota das vosas suxestións e propostas. Ademais tentamos manter un espírito crítico, xa que nos permite analizar e avaliar o noso traballo co fin de enriquecelo e proporcionarlle máis calidade.

Por todo isto que vimos de dicir, no PACC non vivimos a fin de ano con nostalxia senón con ilusión e vontade para seguir co noso labor e para afrontar novos retos. Esperamos seguir contando convosco para dar forma ás iniciativas e actividades que temos previstas para este novo ano, da nosa parte todo o compromiso e esmero para levalas a cabo.

PACC Cultura Castrexa

Os nenos e nenas que nos visitaron o sábado desfrutaron dun obradoiro nas aulas didácticas do PACC.

O equipo do PACC despedimos o ano con balance positivo; xa que as experiencias, a aprendizaxe, os afectos e as sensacións vividas foron excelentes.

Sen máis, desexámosvos BO NADAL E FELIZ ANINOVO! Agardamos vervos pronto…