A IDADE DO FERRO E A FORXA NO CASTRO DE SAN CIBRAO DE LAS

Setembro 8, 2014
0 Comment

O período no que se desenvolve a cultura castrexa enmárcase na Idade do Ferro. Se ben non é o metal do que máis restos abundan nos castros, si é esta a etapa na que se comeza a traballar; será baixo a influencia romana cando se xeneralice o seu uso.

Sabemos que os castrexos obtiñan os metais necesarios para a fabricación de armas, xoias e utensilios de traballo grazas á práctica da minería do cobre, estaño, chumbo, ouro e prata no seu propio terreo. Estrabón recolle moi graficamente cómo obtiñan os castrexos algúns destes metais: “… contan que entre os ártabros que viven máis alá do norte e do ocaso da Lusitania, aflora na terra prata, estaño e ouro branco, posto que está mesturado con prata, e que esa terra á arrastrada polos ríos, e que as mulleres, recolléndoa cunha aixada, lávana en peneiras trenzadas sobre un recipiente”… (Xeografía, III, 2, 9).

En canto ao ferro, ata o momento víñase afirmando que non se coñecen indicios claros de actividades siderúrxicas no espazo castrexo antes da época romana; non obstante, novos achados como os do castro grande de Neixón poñen en entredito esta teoría, por atoparse evidencias desta actividade metalúrxica na etapa prerromana: fornos que empregarían como fundente a area silícea da praia da Punta de Neixón e nos que, para queimar, usarían o torgo; que tiña gran poder de combustión. Desta maneira, alcanzaríanse unhas temperaturas moi elevadas que lles permitirían traballar un ferro de calidade.

Forxaríase o ferro no castro de San Cibrao de Las? De momento teñen aparecido poucos restos do traballo deste metal; predominan as escouras, que son o resultado do proceso de fusión redutora do ferro (combustión con carbón vexetal). O forxado conseguíase mediante o martelado continuo da masa metálica obtida no proceso anterior, o que permite darlle a forma desexada á peza. No Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa atópanse expostas non só parte destas escouras senón tamén interesantes vestixios relacionados coa forxa: un martelo de ferreiro procedente de Castromao (Celanova, Ourense), unhas tenaces, un cicel e un coitelo de ferro de Castromaior (Portomarín, Lugo), asentadores de fío do propio San Cibrao…

escoras san cibrao

Escouras de ferro procedentes de San Cibrao de Las. Centro de Interpretación do PACC.

Non podemos rematar este artigo sen apuntar o cambio que para estas sociedades antigas supuxo a aparición e o éxito do ferro sobre o bronce. A súa introdución significou non só a circulación dunha nova materia prima, senón tamén a quebra das redes de intercambio que se crearan ao redor do bronce na fachada atlántica. Todo este proceso derivou nunhas novas relacións sociais e, en consecuencia, nunha “rexionalización” que no caso do noroeste peninsular coñecemos como: cultura castrexa.