Guerreiros en pedra: símbolos imperecedoiros da cultura castrexa

December 10, 2014
0 Comment

Apreciar unha escultura, sexa cal sexa o seu estilo, non implica necesariamente ter coñecementos sobre técnicas, volumes ou acabados; senón a capacidade de sentir e de entender que estamos ante unha forma de expresión de persoas que viviron nun momento e nun lugar determinado. Así, cando observamos a figura dun guerreiro castrexo, non debemos quedarnos só coa importancia da súa feitura e dos elementos que o compoñen; temos que ir máis aló e intentar afondar no significado que agochan tras de si estas representacións de aspecto ríxido e severo, nas que o home é ao mesmo tempo o artesán e o obxecto da súa obra.

Guerrero Armea Cultura Castrexa

Guerreiro da Cibdá de Armea. Fotografía do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Guerreiros da Cultura Castrexa

Estas esculturas están feitas en granito e representan figuras masculinas exentas (independentes de calquera superficie) con atributos militares. Todas comparten unha serie de elementos en común: sosteñen unha caetra, empuñan unha espada curta ou puñal triangular e portan xoias de prestixio como son o torques e o brazalete ou viria. Ademais usan unha vestimenta curta tipo saio, con escote triangular e motivos decorativos tales como os dentes de lobo e os losanxes (en forma de rombo).

A existencia destas estatuas axúdanos a confirmar parte da información que nos proporcionan as fontes clásicas e os achados arqueolóxicos en canto ao armamento e a vestimenta dos pobos do noroeste peninsular durante a Idade do Ferro. Así, por exemplo, a decoración dos saios dos guerreiros permítenos deducir a utilización por parte dos castrexos do tear de catro barras, orixe destes novos entrelazados e motivos.

Guerreiro Castrexo

Interpretación dun guerreiro castrexo. Debuxo realizado por Rodrigo Vázquez, guía do PACC.

Algunhas estatuas de guerreiros teñen inscricións latinas, o que nos pode levar a pensar que estas pezas se fixeron con anterioridade á chegada romana e que posteriormente foron gravadas; ou ben que xurdiron xa nun período tardío desta cultura baixo a influencia do mundo romano.

Por que os castrexos fixeron estas esculturas de guerreiros? Que representan e que función desempregarían? Moitos son os significados que se lle teñen atribuído: funerario, votivo, honorífico…porén, outras veces son interpretados como fitos situados nas portas dos recintos castrexos ou enriba das murallas, auténticos símbolos de propaganda e de poder que representan e protexen á comunidade.

Dende o PACC animámosvos a deixarvos cativar polos guerreiros en pedra, un fenómeno que se repite en múltiples rexións europeas, e que para o mundo castrexo se concentra na súa área meridional.

Non podemos despedirnos sen convidarvos a visitar o Centro Europeo de Documentación e Interpretación da Escultura Castrexa (Outeiro Lesenho, Boticas). Enlace aquí