Axiña chegarán as landras e, con elas, o outono a San Cibrao de Las

Setembro 22, 2014
0 Comment

Non lles pasa que cando estamos en inverno desexamos que chegue a calor, os días longos, as noites de terraza…e porén, cando estamos acabando o verán comezan as ganas da lareira, das castañas, dos días de chuvia e de ver as follas caer? No Parque Arqueolóxico esperamos con cobiza a chegada do outono, observar o castro de San Cibrao de Las rodeado de cores marelas, laranxas, marróns…e envolto na brétema resulta fascinante e evocador.

O outono é o tempo da recolleita de froitos coma as noces, as setas, as castañas, as landras e moitos máis. Hai un destes froitos que cobra especial relevancia cando falamos da cultura castrexa e da alimentación na Idade do Ferro: a landra. Os alimentos, en concreto o seu consumo e procesado, constitúen unha parte esencial para o coñecemento non só da cultura castrexa senón de todas as culturas.

bellotas San cibrao de las

Cunca con landras de carballo da contorna de San Cibrao de Las.

As landras teñen moitos nutrientes –hidratos de carbono, proteínas, vitaminas…- pero tamén toxinas –taninos e glucósidos- que deben ser eliminadas para seren comestibles. No territorio galaico, as belotas que máis abundan son as do carballo (quercus robur), que en contraposición ás que se recollen da sobreira (quercus suber) ou da aciñeira (quercus ilex), teñen unha maior concentración de taninos. Polo tanto, se os castrexos consumían as landras, tiñan que empregar algún tipo de tratamento para reducir a amargura e a toxicidade desta semente, cal sería?

Dinos Estrabón que os poboadores do noroeste peninsular consumían durante boa parte do ano landras que, curadas e machucadas moían para facer pan; un pan que se gardaba durante moito tempo. Plinio o Vello tamén nos deixou constancia deste pan e do tratamento que requirían as belotas antes de convertelas en fariña: eran secadas, mondadas e tostadas na cinsa para facelas máis doces.

O que deducimos disto é que, antes de facer as gachas ou as tortas coa fariña das landras, os castrexos sometíanas a varios procesos como puideron ser o cocido, o tostado, a mestura con cinsa ou arxila, etc. Ademais nos castros atópanse evidencias do seu consumo como: a aparición en silos de landras tostadas ou carbonizadas como é o caso das que se poden ver expostas no PACC e que proveñen do Castelo de Laias; a abundancia de morteiros e muíños barquiformes como no caso de San Cibrao de Las

Agora que se achega o outono pode ser unha boa ocasión para darlle unha oportunidade á landra e experimentar co famoso pan dos castrexos, non lles parece?