UNHA NOITE ENTRE AS ESTRELAS

Maio 7, 2018
0 Comment

PERSEIDAS 2018:

UNHA NOITE ENTRE AS ESTRELAS

Temos o enorme pracer de anunciarvos que o sábado 11 de agosto celebramos a V Noite das Perseidas no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa!

Convidámosvos a gozar unha vez máis dunha noite máxica, unha viaxe ao noso pasado máis remoto a través das emocións e os sentidos. Unha experiencia digna de recordo onde os sons, a gastronomía, a paisaxe e as estrelas nos transportarán á vida dos nosos antepasados da Idade do Ferro.

Así, ás 20:00h, o musicólogo Abraham Cupeiro achegaranos á parte máis íntima e humana dos instrumentos de vento, que nos acompañan desde tempos inmemoriais. Resoando no pasado é un concerto pedagóxico no que conflúen arqueoloxía, investigación e interpretación musical a partes iguais.

Ás 21:30h, aqueles que así o desexedes, poderedes desfrutar dunha cea temática no interior do castro de San Cibrao de Las, un apetitoso menú elaborado para os máis exquisitos padais castrexos.

A partir das 23:00h teredes ocasión de participar nun percorrido guiado polas rúas da antiga Lansbrica, sempre impoñente baixo o ceo estrelado de verán.

Finalmente, a velada rematará coa actividade de observación e explicación do ceo nocturno desde o xacemento, a cargo da Asociación Astronómica de Ourense (AAO).

Unha noite entre as estrelas é unha oportunidade magnífica para coñecer o castro de San Cibrao de Las dun xeito diferente.

 

Lembrade que é necesario reservar previamente, xa que o aforo é limitado.

Máis información no 988 267 285 ou en info@pacc.es.