ANIVERSARIO PACC

Marzo 14, 2019
0 Comment

V ANIVERSARIO PACC

Un ano máis celebramos o Aniversario do PACC Lansbrica e con este xa van cinco! Un lustro cheo de bos recordos e momentos inesquecibles na vosa compaña.
Desta volta, preparamos para o sábado 23 de marzo unha xornada especial, repleta de actividades e pensada para o desfrute de todos os que vos acheguedes ao Parque Arqueolóxico nese día.
Un atractivo programa agarda por vós:
– Visitas interpretativas á emblemática Lansbrica da man de guías especializad@s.
– Obradoiros infantís ideados para que as nenas e nenos aprendan sobre o día a día das persoas que vivían nos castros, sempre dende a experimentación e o divertimento.
– “Unha Cidade entre dúas culturas”: baixo este nome englobamos diferentes actividades que levarán a cabo as asociacións culturais Terra Copora e Tir Na n’Og no interior do castro de San Cibrao de Las. Nelas recrearán diversas escenas da vida cotiá que vos transportarán á realidade do mundo galaico-romano, unha viaxe ao pasado onde o rigor e a interpretación do coñecemento histórico estarán moi presentes.

No que respecta aos horarios das diferentes actividades: as visitas guiadas pola área arqueolóxica sairán ás 12:00h e 17:00h, mentres que os obradoiros infantís terán lugar ás 12:00h e 16:00h. Finalmente, as actividades de recreación histórica desenvolveranse ao longo de todo a xornada –de 10:00h a 19:00h-.

As actividades son de balde coa entrada ao Parque e teñen aforo limitado, polo que recomendamos reservar previamente no 988 267 285 ou en reservas@pacc.es.