Festas e romarías na cultura castrexa

Agosto 25, 2014
0 Comment

O verán é tempo de celebracións, romarías e troula pero…os castrexos tamén terían festas, baile e banquetes? Segundo os datos que nos aportan as fontes clásicas sobre as festividades na cultura castrexa, sabemos que tiñan lugar celebracións nas que se comía e bebía abundantemente, nas que tamén se bailaba e se realizaban sacrificios e rituais. Estas festas estarían relacionadas cos ciclos agrícolas, cos rituais da comunidade e con celebracións familiares como nacementos, casamentos ou funerais.

Hoxe en día, en moitos fogares galegos, a carne do cabrito é a carne escollida para as festas; curiosamente, para os castrexos a carne dos banquetes tamén foi a do cabrito, pero xa adulto (chibo). Con que bebida acompañarían estas viandas? Se escoitaramos ao xeógrafo Estrabón, diríanos que os castrexos coñecían o viño grazas aos romanos; sendo para os autóctonos unha bebida de importación e escasa, consumida sen mesura nin aprecio nos grandes festíns familiares e chegando a provocar nos comensais un estado de embriaguez. Por outra banda, sabemos que os galaicos tamén tiñan unha bebida alcohólica propia coa que acompañaban as grandes celebracións e que era chamada zythos, feita coa fermentación dalgún cereal como a cebada.

Onde se reunirían as familias para celebrar estas festas? Grazas a achados como a gran cabana circular con banco corrido da Citania de Briteiros, crese que estes banquetes terían lugar en edificios de uso comunitario, nos cales comerían sentados en bancos corridos, ordenados por rango e idade. O alimento e o alcohol circularían de man en man. No fondo o que reflicte esta costume non é máis que a xerarquía e as relacións de poder que existirían nestas comunidades do último período da cultura castrexa; etapa á que pertence o castro de San Cibrao de Las.

Fáltanos algo moi importante en calquera festa, non? Desfrutarían nas súas celebracións da música e o baile? Pois efectivamente si, sabemos por Estrabón que os poboadores dos castros danzaban nas súas festas ao son das frautas e, aínda máis, que nos seus bailes saltaban caendo ao chan en xenuflexión.

En resume, podemos dicir que os castrexos xa sabían como organizar boas romarías e festas. Non cremos que os habitantes de San Cibrao de Las foran unha excepción senón todo o contrario; de feito, o recinto superior –croa- da “Cidade de Las”, semella un sitio inmellorable para estas xuntanzas, non vos parece?

castro de San Cibrao

Vista do recinto superior –croa- do Castro de San Cibrao de Las.