É tempo de magosto, é tempo de castañas no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa

November 13, 2014
0 Comment

Chegou o recendo das castañas asadas, das xuntanzas ao redor das fogueiras e do viño novo. Xa entramos de cheo nos magostos e é que, como ben di o refrán, “castañas, noces e viño fan a ledicia do San Martiño”.

Na contorna de San Cibrao de Las, fermosos camiños de castiñeiros e carballos lémbrannos que estamos no outono. Seguro que todos conservamos na memoria a picada dalgún ourizo mentres buscamos as castañas que caeron entre as follas secas; e poida que ningún magosto soubera mellor que aquel que fixemos coas apañadas da nosa man.

Erizos Castañas Parque Arqueológico de la Cultura Castrexa

Erizos abiertos repletos de castañas

E os castrexos, desfrutarían xa deste saboroso manxar do outono? Pasearían tamén os camiños e os soutos na busca de castañas? Sempre se dixo que foran os romanos os que trouxeran os castiñeiros á Península Ibérica; non obstante, hoxe sabemos que esta especie xa aparece no rexistro palinolóxico –pole e esporas- e antracolóxico –carbón e madeira- con anterioridade á chegada romana. Seguindo esta liña, os últimos estudos apuntan a que a área do noroeste peninsular puido servir de refuxio para varias especies vexetais durante a última glaciación (Würm), entre as que se atoparía o castiñeiro (castanea sativa).

Pode que os castrexos xa consumiran castañas pero o certo é que, ata o momento, non se teñen atopado mostras deste froito no contexto castrexo (a diferenza do que acontece coas landras). Será en época romana cando comecen a proliferar os soutos, potenciando así un recurso alimentario moi nutritivo e relativamente doado de conseguir.

As castañas téñense empregado de maneira tradicional como fonte enerxética, tanto para o consumo animal como humano, xa que son ricas en graxas, proteínas, minerais e vitaminas. De feito, ocuparon un lugar relevante na nosa dieta ata que a pataca e o millo lle roubaron a primacía. Multitude de receitas tradicionais galegas levan a castaña como ingrediente principal; entre elas, o caldo de castañas e as castañas con leite, que fixeron as delicias dos nosos avós nunha época na que os antollos non estaban á orde do día.

No Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa queremos festexar o magosto con todos vós e por iso estamos a preparar, para a tarde do día 15 de Novembro, unha xornada con actividades pensadas para o desfrute de todos, nenos e maiores. Estade atentos que logo publicaremos na web o programa da Festa do Outono.