A cultura castrexa na Idade de Ferro europea

Febreiro 13, 2015
0 Comment

O castro de San Cibrao de Las constitúe un dos mellores exemplos de xacementos arqueolóxicos da Idade do Ferro e aporta un valioso coñecemento para o estudo da cultura castrexa. Cando tratamos sobre ela, tendemos a marcar fronteiras tanto no tempo como no espazo, adoitamos parcelar e crear liñas imaxinarias que separan períodos e diferencian territorios. Con todo, cómpre ter claro que esta cultura que se formou coa evolución das comunidades que aquí vivían, non se entendería sen o contacto con outros pobos da Europa atlántica e mediterránea xa dende a Idade do Bronce Final.

Seguindo esta liña, o que queremos é achegarnos á realidade que se vive na Europa deste momento e comprender o contexto no que se desenvolven os poboados fortificados que se estenderon polo NO peninsular e dos que San Cibrao de Las é expoñente.

O mundo do primeiro milenio estivo marcado por unha ampla variedade cultural (a chamada cultura castrexa conserva trazos propios que a singularizan con respecto á cultura ibérica por exemplo), polo cambio nos centros de poder (auxe do occidente europeo fronte ao decaemento oriental – pobos das estepas-) e pola interacción e as influencias mutuas (vías de comunicación e intercambio polas que circularon mercancías pero tamén ideas novas, procedentes no caso do NO peninsular non só da fachada atlántica senón tamén do Mediterráneo: púnicos, gregos e itálicos).

O panorama que se vive na Europa da Idade do Ferro retrata na súa maioría a uns pobos que habitan en asentamentos fortificados e viven fundamentalmente da gandaría e da agricultura, que dominan as técnicas e usos da metalurxia, que están baixo o goberno de elites que exercen o poder social e nos que o intercambio e as redes comerciais xogan un papel fundamental.

Dentro deste marco europeo xeral destaca a zona atlántica occidental, na cal se inxire a cultura castrexa. Esta área evidencia unhas relacións que van máis aló dos obxectos e das tecnoloxías (puñais de antena, torques, esculturas de guerreiros…); existindo tamén similitudes no ámbito da cultura e do social (crenzas, lingua, ritos, elites…).

Non obstante, este segue a ser un tema obxecto de estudo e en continua revisión. Dende o PACC animámosvos a visitarnos e a debater con nós sobre este e outro temas que rodean á cultura dos poboados fortificados.