A actividade téxtil na cultura castrexa: panos e pezas de vestir

December 10, 2014
0 Comment

Ao pasear entre as vivendas de San Cibrao de Las nun día frío e húmido, como os desta semana que pasou, a miúdo tentamos imaxinar como se desenvolvería o día a día dunha familia castrexa nos rigores do inverno e dá a sensación de que esta época do ano sería, cando menos, pouco confortable. As persoas que nos acompañan nas visitas guiadas adoitan preguntarnos polos modos de vida dos castrexos e unha das cuestións máis recorrentes é sobre a súa indumentaria. Como era a vestimenta castrexa? Empregarían peles?

Sabemos, grazas á arqueoloxía, que a artesanía téxtil foi unha das actividades que se realizaron no interior das vivendas da Cidade de Las. De feito, atopáronse multitude de fusaiolas (pequena peza que se coloca no extremo inferior do fuso) e algunhas pesas de tear, que nos falan dunha actividade de tipo doméstico que satisfaría unha necesidade básica da familia: o tecido.

Supoñemos que as peles dos animais tamén serían aproveitadas para a confección da roupa de abrigo, non obstante, para o tecido empregarían como materia prima a la e o liño.

Como traballarían estas fibras naturais para obter o fío? Para dar resposta a esta e outras preguntas de natureza etnográfica valémosmos non só das pezas arqueolóxicas (neste caso fusaiolas, pesas de tear e agullas), senón tamén da posibilidade de establecer comparacións e paralelismos con algúns traballos artesanais tradicionais que se mantiveron como parte da nosa cultura ata día de hoxe –o proceso do liño por exemplo- e que poden axudar a entender mellor os modos de vida nas comunidades castrexas.

Fusayolas castrexas

Reproducións de fusaiolas castrexas, á venda na tenda do Parque Arqueolóxico.

A condición aceda dos solos de Galicia non permitiu conservar os tecidos propiamente; pero si parte do instrumental necesario para a súa elaboración, como xa vimos, e outros elementos que serviron para adornar e suxeitar esta roupa: as fíbulas (prendedores ou broches de metal). Por outra banda, o que nos din as fontes clásicas sobre a indumentaria dos galaicos é que os homes visten de negro e levando a maioría o sagum (manto de la grosa co que tamén durmían nos seus leitos de palla); mentres que as mulleres levan vestidos con adornos florais. Si unimos esta información á que nos aportan as figuras en pedra dos guerreiros galaicos, sobre as que trataremos no seguinte artigo, os datos sobre a diversidade de pezas de vestir e tecidos parecen aumentar.

De todo isto inferimos que os castrexos tiñan teares e, polo tanto, fiaban o liño e a la para despois tecer a súa roupa. Aínda así, por moita variedade de roupa que tiveran, de seguro que non lles doía a cabeza cada vez que tiñan que cambiar o fondo de armario coa chegada do inverno ou da primavera…