D.O. O Ribeiro: San Cibrao de Las e a cultura do viño na época castrexa

Outubro 9, 2014
0 Comment

Situada no bordo noroccidental da provincia de Ourense, na confluencia de vales e ríos, protexida por barreiras naturais, levantada sobre un solo de natureza granítica… de que estamos a falar?

Seguramente a primeira resposta que nos ven á mente sexa a “Cidade” de Las, pero se esprememos un pouco máis os miolos daremos con outra posible solución: a Denominación de Orixe O Ribeiro.

Hai apenas unhas semanas falabamos do outono e das landras no castro de San Cibrao de Las; porén, non nos debemos esquecer dunha actividade que tamén anuncia a fin do verán e que seguramente sexa a que mellor define a estas terras dende antigo: a vendima. Pero…canto de antigo?

viñedo san cibrao

Viñedo próximo a San Cibrao de Las

As píbedas de uva (vitis vinifera, variedade da que se obtén o viño) non abundan no rexistro arqueobotánico da cultura castrexa e resulta curioso que só teñen sido recuperadas nos castros situados máis ao Sur do Conventus Bracaraugustanus (por ex. Briteiros, Monte Mozinho, Cruito). Concretamente Briteiros é o xacemento onde son máis frecuentes estas sementes, documentándose xa en niveis da Idade do Ferro.

Ben sexa pos razóns climáticas, polo desenvolvemento social desta rexión ou por ter un contacto máis directo co Mediterráneo; o certo é que, ata o momento, só no Norte de Portugal se documentan as píbedas da vitis vinifera. Por outra parte, estes achados o que demostran é a presenza e o consumo de uva xa dende finais da Idade do Bronce, que acontece entón coa produción ou o consumo do viño?

A maioría dos castros, como é o caso de San Cibrao de Las, evidencian o consumo de viño en tempos romanos e a súa importación (restos abundantes de ánforas). Ademais Estrabón, na súa Xeografía, dinos que para as xentes do norte o viño é unha bebida escasa e apreciada, procedente do comercio co Mediterráneo.

Crese que a introdución do cultivo da vide e a produción de viño no NO peninsular terían lugar na época romana, sobre todo nas áreas máis ao Sur e próximas ao Douro; non obstante, non podemos saber se foi unha actividade económica destacada como o vai ser séculos despois no Ribeiro ou noutras zonas que hoxe en día contan con Denominación de Orixe.

Será da man dos mosteiros, xa dende o século X, cando a calidade destes viños do Ribeiro acade sona internacional; engadindo aínda máis atractivo a unha comarca que encerra séculos e séculos de historia.

Dende o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa animámosvos a desfrutar do castro de San Cibrao de Las e de todas as posibilidades que ofrece esta comarca.