I Aniversario do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.

Febreiro 26, 2015
0 Comment

 

O tempo pasa voando e xa logo fará un ano que o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa abriu as súas portas ao público. O vindeiro 8 de marzo cumprimos o noso primeiro aniversario e, con motivo deste acontecemento, queremos celebrar con vós esta data tan especial.

Ao longo deste ano, o equipo que conformamos o PACC quixemos poñer o mellor da nosa parte para que todos os que nos visitastes desfrutarades dunha agradable experiencia no Parque. No decorrer destes 12 meses moitas foron as satisfaccións que nos levamos da vosa participación nas actividades que organizamos: enriquecedoras postas en común, o sempre gratificante traballo cos pequenos da casa, o interese que mostrades ante as incógnitas e os debates ao redor desta cultura e, por suposto, sentir que o pasades ben xa que, ao fin e ao cabo, escolléstesnos para compartir o voso tempo de lecer.

Sodes vós os que dades forma ao noso discurso porque cremos que non só é importante transmitir coñecementos, senón tamén estimular e provocar emocións. Desta maneira non nos limitamos a informar, o que pretendemos é divulgar e fomentar o interese pola conservación e o estudo do noso patrimonio.

Por outra banda, é probable que nalgún momento non estiveramos todo o acertados que deberíamos; naturalmente non somos perfectos, por iso tentamos rectificar e aprender, xa que a vosa esixencia é a que nos permite mellorar.

Coa fin de festexar este primeiro ano de experiencias, temos o enorme gusto de convidarvos ao I Aniversario do PACC; no cal a entrada e as actividades serán completamente gratuítas. Temos preparado un excelente programa para toda a familia: poderedes visitar a área arqueolóxica acompañados de guías especializados e, ao longo do día, haberá exhibicións e obradoiros da man de José Aurelio Munúa (responsable de actividades das covas prehistóricas de Cantabria).

Ademais, temos a dita de poder contar para esta celebración coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense; unha formación cuxo prestixio está referendado por multitude de distincións e recoñecementos nacionais e internacionais. Animámosvos encarecidamente a que veñades e vos deixedes envolver pola maxia da súa música nun dos mellores escenarios posibles: o castro de San Cibrao de Las.

Esperámosvos o día 8 no PACC! Grazas por este primeiro ano.